Entrada libre, aforo limitado.

Tomando como premisa o carácter, a primeira vista, minoritario da muller no eido dos xéneros de terror, fantástico ou afíns, formularemos unha conversa sobre esta circunstancia para poder coñecer de primeira man esta realidade. Un encontro no que debatirase sobre o papel da muller non só como creadora senón tamén como espectadora e consumidora destes xéneros. 

Neste encontro contaremos coa participación de: 

GÉNESIS LENCE

Vigo, 1984

Estuda Fotografía Artística en Sevilla. Decántase pola fotografía documental o que a leva a desenvolver dous proxectos de cooperación artística en Romanía e Macedonia. Posteriormente, foi seleccionada para unha bolsa artística pola Dirección Nacional do Antártico Arxentino, concluíndo cunha exposición en Sevilla co CSIC. 

Saltou ao cinema coa súa primeira curtametraxe, “Xordas” en 2016 e  “Five  Minutes” en 2021, ambos traballos con gran cantidade de seleccións e premios, destacando a participación do último no  Short Film  Corner de  Cannes.

MARÍA ÑÚÑEZ

A Coruña, 1978

Titulada como Técnico Superior en Produción de Audiovisuais y Espectáculos polo Centro IES Imaxe e Son da Coruña, conta con máis de 10 anos de experiencia no mundo do audiovisual, traballando como organizadora e coordinadora de produción en diferentes eventos audiovisuais. Foi a fundadora, coordinadora e directora de programación do FKM ata 2018, ademais de organizar diferentes ciclos de cinema e obradoiros.

Na actualidade compaxina a sua actividade como programadora e xestora cultural cos seus primeiros traballos de producción de video.

OLGA OSORIO

Involuntaria coleccionista de anécdotas e recicladora, en formatos diversos, de boa parte delas, para desesperación dos meus alumnos e disfrute, ou iso espero, do público dos meus traballos audiovisuais entre os que figuran curtas como “Einstein-Rosen”, sobre a que a organización do festival pretende que poña que gañou un feixe de premios e seleccións (négome porque me da pudor). Polo resto, ando á procura de buratos de vermes e paradoxos temporais pero tamén do gato de Schrodinger, xa sexa vivo ou morto.

CORA PEÑA

Viguesa a cachos, compostelana na actualidade.A súa formación (USC, EICTV) destinabaa a ser directora de fotografía, pero a partir de “The last patrol”, virou cara á dirección. Máis tarde, con “Apash, os de fóra”, axustou o rumbo cara ós documentais, formato no que se sinte máis cómoda como muller-orquestra e cineasta de guerrilla.